Arnoia, o xigante da distribución é galego
BIOSBARDIA
César Lorenzo Gil. de BIOSBARDIA
Unha das tres grandes empresas distribuidoras de libros no Estado español é galega. Leva 30 anos de actividade e conseguiu colocarse no mercado peninsular dun xeito tan estable que lle permite, desde hai anos, conseguir librarías clientes en Asia, América, Europa e incluso África. A distribuidora Arnoia naceu hai 30 anos na periferia de Pontevedra, emprega a 150 persoas e mantén ao redor de 4 millóns de libros almacenados. Aínda que a cifra non é estable, o número de títulos anda ao redor dos 700.000: libro, libro de texto e papelaría. Desde hai uns anos, Arnoia tamén almacena outro tipo de libros pero eses ocupan apenas o espazo duns poucos ks de memoria: é o formato Kalaiki, o servizo de impresión baixo demanda que ofrece a empresa galega.
Arnoia vive agora xustamente o preludio a unha revolución tecnolóxica. O seu sistema de clasificación de títulos e confección de pedimentos das librarías está en proceso de automatización. O traballo que até agora era manual pasará a depender de máquinas capaces de identificar e clasificar cada libro. O obxectivo é consolidar o que os responsables de Arnoia consideran o seu punto forte: a rapidez e fiabilidade no servizo ás tendas de libros.
A distribuidora habitualmente atende pedimentos en 24 horas. Aínda que os seus directivos recoñecen que non teñen en catálogo todas as editoriais que funcionan habitualmente en España, a porcentaxe é moi alta e amplíase ano tras ano. “Se Arnoia ten a sona que ten é porque os libreiros saben que connosco venden máis porque teñen os libros cando os queren, cando os precisan”, afirma Xosé Manuel Figueiras, responsable de Exportación na compañía.
Segundo Figueiras, o papel actual da distribución xa non é tanto servir de intermediario entre o enorme fluxo de libros que se producen nas editoriais e os puntos de venda final senón facer as veces de almacén de estocaxe para un negocio que necesita ser o máis flexible posible e controlar os custos o máis posible. “A libraría, cando contrata os nosos servizos, non só compra libros senón que compra almacén”, indica Figueiras. Nun contexto no que a información sobre novidades é multidireccional e son moitas veces os libreiros e os clientes os que coñecen e se interesan por un título (incluso antes de se publicar), a distribución debe encargarse de maneira especializada na loxística. “Manter un almacén é, calquera persoa do sector o sabe, un dos campos máis custosos do negocio do libro”, recalca Figueiras. “Nós somos o almacén de todas esas librarías. Demoramos case o mesmo en servir eses libros que se os gardasen eles mesmos nalgunha nave nos arrabaldos”.
Os directivos de Arnoia insisten moito en que eles non interveñen nos demais chanzos da cadea do libro. De feito, Arnoia deixou hai uns meses de publicar os seus propios libros, a través do clásico selo Edicións do Cumio, para non entrar en competencia desleal cos demais editores que traballan coa empresa. “Arnoia distribúe libros”, explica Figueiras. “Estamos preparados, por exemplo, para a campaña do libro de texto. Durante os próximos tres meses as librarías van precisar satisfacer as demandas dos seus clientes, saber que os materiais que o estudantado necesita están todos aquí”, continúa. “Para outros labores, unha distribuidora non é a empresa axeitada: nós non podemos facer promoción, non podemos ir onda os libreiros a dicirlles que tal ou cal título está moi ben ou que o van vender de marabilla. Iso é labor dos editores. O que pasa é que xa nos ten pasado, que algunhas editoriais contan con que sexamos nós quen lles vendamos os seus libros. E ese non é o noso obxectivo”. Aínda así, Figueiras comenta que ese labor, especialmente no caso do libro en galego, si o acomete Arnoia en mercados exteriores. “En Padua hai máis de 60 persoas estudando galego na universidade. Pois ben, a libraría ao pé da facultade tiña grandes dificultades para conseguir as lecturas de apoio do curso, libros de Séchu Sende, de Carlos Casares, de Inma López Silva… Des que traballan connosco teñen un acceso perfecto a esa bibliografía”. Mais aínda así Figueiras recoñece que quizais sería tarefa doutras institucións favorecer que o libro galego estea onde se precisa en tempo e forma “e con boas condicións para os libreiros”.
Arnoia non traballa con exclusividade e case en todos os casos trata directamente cos editores. “Quen quere traballar con nós ten as condicións claras e transparentes. E se quere vender a través doutras canles, ten todo o dereito de facelo”. No servizo a librarías Arnoia tamén asesora e ofrece a súa ampla base de datos para librarías virtuais. É o caso da tenda de Praza, entre outras.